POEMAS DO DÍA -VII
Balada de amor

Gustaríame quedar
eternamente pendurado
dos teus beizos.

Coma o badalo
dunha campá,
faría treme-lo teu peito
co meu borboriño.

Faríache axita-la boca
co pracer que provoca
unha procura sen final.

E perseguiría os teus segredos
con renovada ansía,
con verdadeiro anhelo.

E xa nada sería igual
no teu mundo de xeo.

Miguel Angel Alonso Diz    


 

POEMAS DO DÍA -XIII

Acabas de marchar
e xa te boto de menos.

Aínda o noso leito
conserva as túas formas
e xa te boto de menos.

Aínda o teu calor me alimenta
e xa te boto de menos.

Aínda os meus ollos
conservan o teu reflexo
e xa te boto de menos.

¡Canto te boto de menos!.

E aínda escoito o teu latexar
que se perde no tempo.

Miguel Angel Alonso Diz    


 

POEMAS DA NOITE -XV
As rúas do tempo

Quero descansar placidamente
deixa-los versos no meu peto,
agochalos furtivamente
que ninguén saiba onde os meto.

Soamente escoitarei...
o murmurio do mar
o salaio do vento
os zapatos ó camiñar
polas rúas do tempo.

Quero facer un alto no camiño
e deixalas palabras de ouro,
beber unha boa cunca de viño
na tasca do Louro.

Soamente escoitarei...
a forza do mar
a fraxilidade do vento
os corazóns ó camiñar
polas rúas do tempo.

E durmira o meu lapis
o descanso dos guerreiros,
mentres busco en Allariz
a inspiración polos carreiros.

Soamente escoitarei...
ás conversas do bosque
ás bágoas do ceo
ás follas ós meus pés
polas rúas do tempo.

Miguel Angel Alonso Diz    


 

POEMAS EN LOITA -V

Ferro,
ferro nas mans
e nos corazóns da xente,
ferro
que fere a liberdade
ferro
que mutila as esperanzas.

Ferro no campo
nos ríos
nas rías
no mar e nas estradas.

Ferro que afoga
que abafa as miradas.

Ferro que é ferro
que risca o ceo,
e todo é ferro
no mundo
que agoniza de medo.

Non hai flor, todo é ferro
non hai amor, todo é ferro
non hai auga, todo é ferro

Ferro que rompe a terra
en dous en catro en cincocentos
anacos de ferro.

Ferro ferro ferro ferro
que converte o mundo
nunha fría bola gris
de soidade... de ferro...

Miguel Angel Alonso Diz